À procura de textos e pretextos, e dos seus contextos.

21/12/2010

Galiza - Suma e segue a ofensiva contra a clase traballadora.

O Goberno central suma e segue cos recortes que propón para atallar a crise. Non esaxerariamos de dicirmos que se trata dunha ofensiva contra a clase traballadora, porque somos nós e non os especuladores quen sufrimos os axustes. Como vimos observando, o Goberno central e tamén a Xunta de Galiza erixen a crise como subterfuxio para acabar co sistema de benestar. Todas as medidas económicas propostas polo PSOE encamíñanse cara á salvación do capital especulativo. E é que Zapatero e o seu equipo de Goberno seguen cumprindo ao ditado cada unha das directrices marcadas polo Fondo Monetario Internacional e pola Comisión Europea. Non lle chega ao Goberno central a inxección inicial de 39.000 millóns de euros que lle outorgou -co beneplácito do PP- ás entidades financeiras. Agora, en virtude dun acordo adoptado entre PSOE e polo PP, o negocio da banca volverá verse beneficiado polo transvase de fondos do sistema público de pensións ao sistema privado. Non importa que o sistema de pensións público conte cun fondo de reserva de 60.000 millóns de euros, o próximo paso: novos recortes. A rebaixa das pensións proposta polo PSOE e PP afectaranlles especialmente aos 444.000 galegos e galegas, que contan coas pensións medias máis baixas do Estado, con 730,7 euros. Por cada ano que se aumenta o período de cómputo, redúcese a pensión un 1%.

Onde fican os plan de incentivación da economía? Porque o único que percibimos son máis axustes e máis recortes. Simplemente, con dármoslles un repaso ás medidas económicas aprobadas polo Goberno central -a última delas, a eliminación dos 426 euros aos parados e paradas de longa duración-  decatámonos de que o obxectivo pasa polo afortalamento do neoliberalismo, dun sistema financeiro baseado no capital ficticio, e non pola defensa dos traballadores e das traballadoras e das persoas máis desfavorecidas.

E a Xunta de Galiza?

O panorama descrito agrávase na Galiza, cun (des)goberno que só aparece para desmantelar os servizos públicos. Feixóo prometía acabar coa crise en 40 días, mais desde que o PP accedeu ao Goberno a situación foi a peor. O paro no noso país medra por riba da media estatal, o 32% dos novos desempregados e desempregadas no Estado español son galegos e galegas e o 64% dos asalariados e asalariadas en Galiza non chega a ser mileurista. E, namentres, o presidente da Xunta segue "missing" e só aparece para privatizar a sanidade, para reducir as prestacións educativas e sociais e para acabar coa promoción do I+D+i. A semana pasada coñeciamos un novo dato arrepiante para os investigadores e investigadoras de Galiza: as convocatorias de novas bolsas para a investigación pasaron de ofertar 586 prazas no 2008 a só 15 este ano.

Entre as medidas antisociais aplicadas polo PP desde a Xunta de Galiza atópanse a redución de recursos na educación. Só este ano o PP fechou 19 centros públicos, reduciu 70 unidades en infantil e primaria, recortou 20 ciclos formativos ou eliminou o ensino de adultos en 50 centros, o que ademais supón a destrución de máis de 600 postos de traballo. O PP tamén acabou coa gratuidade dos libros de texto, reduciulle as bolsas ao estudantado e aumentou as taxas dos comedores escolares.

Ademais de deteriorar a calidade da sanidade pública co incremento das listas de espera, o PP segue a frear a extensión da rede pública de servizos sociais e de benestar, segue a paralizar a aplicación das políticas activas de emprego e segue a instrumentalizar as novas infraestruturas sanitarias e de servizos sociais mediante a colaboración privada. O ataque ao sistema de benestar por parte da Xunta podemos constatalo nos orzamentos da Xunta para o vindeiro ano que, amais doutros recortes, contemplan a redución de xeito considerábel dos fondos para a Renda de Integración Social de Galiza (Risga), os Planos de Inclusión Social ou os dispositivos dos Plans de Drogas.

O nacionalismo, a alternativa

As políticas de dereitas aplicadas polo PP, e tamén polo PSOE, son a antítese das apostas do nacionalismo galego. O suceso da folga xeral na Galiza, grazas á mobilización da CIG co apoio do BNG, demostra que hai esperanza, unha esperanza que vén representada polo nacionalismo como alternativa. Un nacionalismo que defende que a saída á crise só vai ser posíbel cunha intervención pública na economía que sente as bases dun novo modelo económico baseado no traballo produtivo, cun afortalamento dos servizos públicos para corrixir as desigualdades sociais e cun reforzo do autogoberno, porque só cada nación sabe as solucións máis acaídas para as súas deficiencias.

Máis que nunca, neste contexto de decrecemento, é indispensábel o dereito a decidirmos por nós mesmos para poder apostar por unha economía produtiva e polos sectores estratéxicos do país. Só así acadaremos un crecemento equilibrado e sostíbel. Nesta liña, é preciso lograrmos para Galiza un novo sistema de financiamento que incida na territorialización dos impostos cunha axencia tributaria de seu. As solucións non deben ser importadas, os galegos e galegas temos capacidades e recursos como país para saírmos desta crise. E así o faremos.

http://terraetempo.com/artigo.php?artigo=1149&seccion=6

Sem comentários:

Related Posts with Thumbnails